Monday 29 de April de 2024

A visita dos Reis Magos á Pobra transcorrerá de maneira presencial e dixital


A actual situación sanitaria fai que dende o Concello da Pobra do Caramiñal se reinvente un ano máis a tradicional visita á localidade por parte das súas maxestades os Reis do Oriente. O concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra); a súa homóloga do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); e a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, foron as persoas encargadas de debulla-la información destas propostas que se desenvolverán de maneira “segura e controlada.”

A xornada do día 5 de xaneiro arrancará coas videochamadas que efectuarán Melchor, Gaspar e Baltasar unicamente a aquelas crianzas que se atopan confinadas como consecuencia da COVID-19 ou para as cales resulta imposible achegarse á visita presencial. Cada neno e nena deberá elixir con cal dos tres Reis Magos quere falar e é preciso inscribirse a través da ligazón https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeWZw0oqHK-6Ilw_4vh7g8YrDbJCXq9gWpGhpg260BvnY_etQ/viewform. Estes encontros dixitais desenvolveranse en horario de 11.00 a 13.00 horas e, polo momento, hai 45 inscritos/as.

Posteriormente será a quenda do percorrido en vehículos por tódalas parroquias do termo municipal, coa saída programada para as 14.45 horas dende a zona da Corna e a chegada ás 18.00 horas á praza Alcalde Segundo Durán.

O itinerario previsto é o que segue: A Corna, O Maño, O Campiño, A Pontenaveira, A Mirandela, Xunqueiras, Venecia, O Camiño Ancho, A Tomada, Lesón, Os Vilares, As Pedriñas, Santa Cruz, Roupión, Rego, Tarrío, A Virxe do Monte, San Lázaro, A Crocha de Levante, A Crocha de Poñente, A Banda, A Ponte Barbanza, O Sanguilexo, Vilas, Santo Isidro, O Pumadiño, Os Casás, Ouxo, A Angustia, A Ribeiriña, A Lomba, San Lázaro, a rúa da Ponte e a praza Alcalde Segundo Durán.

Establécense distintos tramos con horarios orientativos: da Corna ao Campiño (de 14.45 a 15.15 horas); da Pontenaveira á Tomada (de 15.15 a 15.45 horas); de Lesón a Santa Cruz (de 15.45 a 16.15 horas); de Roupión a Tarrío (de 16.15 a 16.45 horas); da Virxe do Monte a Vilas (de 16.45 a 17.15 horas); e de Santo Isidro á praza Alcalde Segundo Durán (de 17.15 a 18.00 horas). Respecto a este formato, o edil da Seguridade fixo fincapé na importancia de evita-las xuntanzas con outros/as veciños/as e face-lo seguimento dende as propias casas ou achegarse a un lugar seguro onde se poidan cumpri-las medidas de seguridade. O referido itinerario tamén se pode consultar na seguinte ligazón: https://es.wikiloc.com/rutas-coche/paseo-ssmm-reis-magos-a-pobra-2022-91684527.

Tamén se poderá seguir por streaming a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, así como coñece-lo lugar no cal se atopan os Reis.

Posteriormente, a partir das 18.00 horas, recibirán os cativos e cativas na praza Alcalde Segundo Durán dun xeito ordenado e seguro. Para asistir é preciso rexistrarse previamente a través do seguinte formulario online (cuxo prazo está aberto dende a pasada semana): https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScOktLBDkwWWOaqrvZgWD1lS8IIFTCk7AQLPMnJdjt0OPxZBg/viewform. Así mesmo, ao longo dos días 3 e 4 de xaneiro habilítase o teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035 (dende as 10.00 ata as 14.00 horas). Unha vez formalizada a inscrición, deberase ir recolle-la entrada física á propia oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira (en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.30 horas). Acádanse as 130 nenas e nenos anotados, polo de agora, para este formato.

Co obxectivo de evita-las aglomeracións, establécense 5 tramos horarios para a visita a Melchor, Gaspar e Baltasar, cunha fila de 30 crianzas por cada Rei Mago cada media hora. Outorgarase a hora á cal se debe asistir en función do Rei do Oriente que desexen visitar. Deberase acudir no momento que marque a cita, nin antes nin despois.

Ademais, contarase en distintos lugares da vila con actividades dinamizadoras móbiles.

En caso de meteoroloxía adversa, a recepción trasladarase ao CEP Salustiano Rey Eiras.